Category Archives: Wildfire

Cartografía de áreas queimadas en Galicia no século XXI: presentación do produto e aplicación web mapping

Galicia, a pesares de representar só o 6% do territorio do estado español, veuse afectada por máis do 40% dos incendios forestais ocorridos en España durante o período 2001-2010. Un 99% destes incendios son atribuídos directamente a accións antrópicas, sendo maioritariamente deliberados (75%). De acordo coas estatísticas históricas de incendios forestais do ministerio, entre 1968 e 2016 en Galicia ocorreron máis de 256.750 incendios, afectando a máis de 1.931.800 ha (o que equivale a un 63% do territorio). En termos xerais, as provincias de Ourense e Pontevedra son as que se viron máis fortemente afectadas polos incendios forestais (Fig.1). Destacan os anos 1978, 1981 e 1985 onde arderon máis de 100.000 ha, sendo especialmente dramático o ano 1989 no que arderon 199.152 ha.

Fig.1

Figura 1. Área queimada (en hectáreas) e número de incendios anualmente ocorridos entre 1968 e 2016 no conxunto de Galicia e en cada unha das súas catro provincias, de acordo coas estatísticas oficiais do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (MAPAMA).

A pesar da súa relevancia, a día de hoxe Galicia non dispón dunha cartografía de areas queimadas actualizada e de libre aceso, a diferenza do que ocorre noutras comunidades autónomas. O obxectivo deste traballo foi por tanto obter unha cartografía actualizada das áreas afectadas por incendios forestais en Galicia (período 2001-2017), así como facilitar a súa dispoñibilidade a través dunha aplicación web mapping. A información de base é o produto de áreas queimadas do sensor MODIS (Moderate Resolution Imaging Spectroradiometer), dos satélites Terra e Aqua da NASA.

Para a visualización e dispoñibilidade desta información creouse unha aplicación web a través do ArcGIS OnlineToda a información está dispoñible no sistema de referencia ETRS89 (fuso 29 Norte), coa resolución orixinal (aproximadamente 500 m) en formato ráster e vectorial compatible cos software de SIG máis amplamente utilizados (formato GeoTiFF e shapefile, respectivamente).

Fig.2.jpg

Figura 2. Área queimada (en hectáreas) anualmente entre 2001 e 2017 de acordo cos datos obtidos a partir do produto de MODIS (Moderate Resolution Imaging Spectroradiometer) e as estatísticas do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (MAPAMA).

Atopamos unha alta correlación entre a área queimada estimada a partir do produto MODIS e a obtida a partir das estatísticas oficiais (coef. de Pearson = 0.92). En xeral o produto MODIS tende a sobreestimar a área oficialmente queimada (media = 2.76%) (Fig.2), aínda que isto depende fortemente do ano e da provincia (desv. estándar = ±103%). Sen embargo, a maior diverxencia entre os datos estatísticos oficiais proporcionados pola administración e os estimados a partir do sensor MODIS ten lugar en anos especialmente problemáticos (Fig. 2), caracterizados por varios incendios de gran tamaño, onde precisamente o produto MODIS pode a priori presentar unha maior fiabilidade. Nestes anos de vagas de lumes, os datos da administración subestiman claramente a área queimada se a comparamos coa cuantificada a partir do produto MODIS. É por tanto recomendable contrastar os datos estatísticos oficiais con estimas obtidas a partir de teledetección, que constitúe unha fonte sistemática, estandarizada e fiable de información. A pesar das súas limitacións, esta cartografía constitúe unha fonte moi valiosa de información espacial con múltiples aplicacións no eido da conservación da biodiversidade, da xestión forestal e do territorio.

ESPEREMOS QUE VOS SEXA UTIL! ainda que non nos debemos conformar con isto !! Ainda se bota de menos un histórico das áreas queimadas dende o 1974 ata o 2000, algo que sería factible gracias o histórico dos satelites Landsat ou Spot (de maior resolucion espacial). O producto MODIS ten limitacións xa que está pensado como produto a escala global, o que pon manifesto a necesidade de fomentar o uso e desenvolvemento das novas tecnoloxías e aplicacións, como o novo satélite Sentinel-2 da ESA (Axencia Aeroespacial Europea) ou os vehículos non aerotransportados (UAVs), para a mellora da calidade e dispoñibilidade de información xeográfica no que se refire aos incendios forestais, co fin de posibilitar o incremento e mellora da calidade dos estudos científicos dirixidos a avaliar o impacto do que é claramente hoxe un dos principais factores que afecta á paisaxe, á natureza e ao benestar social en Galicia.

Para visualizar e descargar as capas preme nestas imaxes:

Fig.4

Todos os detalles neste artigo:

Regos, A. (2018). Cartografía de áreas queimadas en Galicia no século XXI: presentación do produto e aplicación web mapping. Nova Acta Científica Compostelana, Vol. 25: 45-53. http://dx.doi.org/10.15304/nacc.25.5150.

 

Advertisements